María Victoria Moreno, a escritora que soñou a escola

Victoria_MorenoUnha vez houbo unha mestra que soñou cunha literatura en galego para nenos, nenas e adolescentes e, unha vez tamén, houbo unha escritora que soñou a escola. Así, pouco a pouco, e a medida que María Victoria Moreno pensaba os seus libros -mentres conducía ou paseaba co seu can- e escribíaos na mesa da súa cociña –pola noite ou polo día, mentes cociñaba, porque a súa literatura tamén andaba entre pucheiros- ía xurdindo o seu proxecto. Ás veces perdíase en fabulacións e soñaba cunha “escola de aldea, con cazurriños queimados polo sol e con fiestras cheas de caraveliños” como en Mar adiante; outras, teimaba por crear institutos nos que pese á crueldade da vida, se forxaban as primeiras amizades ou os primeiros amores (como os que aparecen en Guedellas de seda e liño ou en Anagnorise-2017.jpgAnagnórise) e incluso unha vez, creou un barco-escola, “O Arroás”, no que os rapaces “aprenderon moitas cousas os días que botaron nela. Mais adeprendéronas falando co capitán, xogando cos mariñeiros, ollando para as estrelas ou mesmo facendo trasnadas cando os maiores non os viamos” (Mar adiante). Nestes lugares, que querían fuxir dun pasado escuro, adouctrinador e disciplinario, había mestras que resolvían os problemas dialogando, que lles falaban aos rapaces e rapazas da memoria histórica, e onde lles ensinaban –á par que hai que vivir cada idade con ledicia e con bondade, para deixar escrito cada un dos capítulos da vida, como dicía Rosa, unha das mestras de Leonardo e os fontaneiros– como rotar sobre si mesmos e sobre os demais, como fan os planetas do sistema solar. Tamén creou escolas nas que, unha vez ao ano, cando se mudan os papeis, polo San Xoán, os estudantes facían de profesores e os profesores de estudantes, talvez porque sabía os/as mestres/as nunca paramos de aprender sobre os nosos alumnos e alumnas. E sempre pensou que os centros pequeniños e os institutos grandes debían albergar sempre a todo tipo de rapaces e rapazas: aos/ás que vivían nun pazo ou aos/ás que vivían nas aforas, aos/ás nenos/as das aldeas e aos/ás da cidade, porque todos e todas tiñan dereito a seren educados para a vida e porque ela, como mestra que era -e que sempre será- dicía que o seu corazón só florecía nas aulas. Que siga logo, florecendo, e que soñemos, mestres e mestras, alumnos e alumnas, coa súa e coas nosas escolas soñadas.

Patricia Carballal Miñán

Con motivo da conmemoración das letras galegas e como homenaxe a María Victoria Moreno:

  • Exposición bibliográfica nasvitrinas da biblioteca
  • Participaciñon na lectura colectiva de textos da autora o lúns 14, ás 11 horas na entrada da Biblioteca.
Anuncios

Exposición de pintura de Juan Ondategui Rubio

Terra – 15 de maio / 15 xullo

Sala Xohana Torres. Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación

retrato
Juan Ondategui e unha das súas obras da serie Terra ©Xacobe Meléndrez

Juan Ondategui Rubio é soriano (Calatañazor) e de adopción galega. Esta doble identidade estará presente en todas as súas obras, tanto na temática como nas cores que utiliza. O diálogo entre a terra e o mar, as cores cálidas, ocres e vermellas, e o azúl das nosas paisaxes acuáticas.
É licenciado en Historia da Arte pola Universidad Autónoma de Madrid, con formación en técnicas de gravado e estampa na Fundación CIEC (Centro Internacional da Estampa
Contemporánea), de Betanzos. É tamén profesor de ensino medio.

1-Pajaro Pardo (Tierra 78x108 cm
“Pájaro pardo” 78×108 cm ©Juan Ondategui

Para Bachelard a terra é imaxe do repouso, o arraigo e o refuxio, lévanos ao subterráneo e ao profundo, e polo tanto ao retorno á nai (2006, p. 16). E así as terras de Ondategui lévannos nunha viaxe interior á súa terra nai, de cores cálidas, ocres e encarnadas, polo que, se seguimos a teoría da cor de Kandinsky poderiamos evocar o concerto para violonchelo de Elgar, ou unha sonata de Handel. Asocia Kandinsky o vermello co corpóreo, os tons medios e apaixonados do cello; o laranxa ao son da campá cando toca o Ángelus, á viola ou a potente voz do barítono; porén os marróns teñen un son exterior débil, mais poderoso no interior, “retardación”, como o redobre do tambor (1982).

Avoa, nai anterga ensumida na terra,
cando mastigo o pan estou bicando
o teu sangue imortal apodrecido,
o froito do teu corpo semeado: A tua saiva
que através dos séculos renasce.
Doce esterco da vida! Bebo a auga
do cano dos teus ósos cando bebo.
Aniñada nos eidos teces a inconsútil firmeza
do adival que me guia e asegura: Ariadna.
É a tua man a que revive o lume,
pomba escura do tempo na lareira.
De ti provén a áscua e o fermento do canto,
a sillaria na que me sinto forte, o arco
do costelar que afondas, as raíces
minerais que sostentan
do xerme do teu colo, a miña vida
(Avilés de Taramancos, 1989)

A terra de Ondategui é Soria, a terra que ensoñaba Machado “árida e fría”, pero “¡tan bella! bajo la luna” (1981), é para o artista cálida, creación interior, refuxio, nai.
Utiliza Ondategui técnica mixta sobre táboa, coa aplicación directa de terras, minerais e pigmentos puros, traídos de Soria. Como un alquimista impregna o soporte de “tintura
íntima” (Bachelard, 2006). Quen observa imaxina e ensoña íntimo do seu creador. Sentimos a paisaxe, a natureza, a substancia da materia.

Referencias bibliográficas
Avilés de Taramancos, A. (1989). As torres no ar. Santiago de Compostela: Soteloblanco.
Bachelard, G. (2006). La tierra y las ensoñaciones del reposo. Ensayo sobre las imágenes de la intimidad. México: Fondo de Cultura Económica.
Kandinsky, V. (1982). De lo espiritual en el arte. Barcelona: Barral.
Machado, A. (1981). Campos de Castilla. Madrid: Cátedra.

No Tinteiro n. 16

Xa está dispoñible o número 16 de “No tinteiro”, o boletín trimestral da Biblioteca, con información sobre formacións, actividades culturais, recursos, etc, que ofrece a Biblioteca para este segundo trimestre do curso.

Sumario:
1. Oferta de ALFIN e formacións para alumnado e PDI.
2. Guía elaborada pola Biblioteca con información sobre as plataformas para crear un perfil e gráfico coa presenza do PDI da Facultade en cada unha delas (2014 e 2018)
4. Nébeda. Vindeiras lecturas e encontros literarios
5. Actividades culturais: presentacións de libros e mostras bibliográficas.
6. Exposicións de arte: Ilustracións e banda deseñana de Tokio, Terra de Juan Ondategui.

Exposición “Heroínas”, de Lauri Goás

Durante o mes de marzo podedes ver na sala Xohana Torres da nosa Biblioteca a exposición Heroínas, de Lauri Goás.

Trátase dunha ollada crítica á transmisión da literatura clásica infantil, dende un punto de vista de xénero, reinterpretando as súas mensaxes. A muller dos contos revélasenos  ante a deturpación da súa palabra, ela é a heroína, a que debe vencer a violencia da sociedade patriarcal. E se todas as protagonistas deses contos toman a
palabra e se liberan da imaxe que delas nos achegou a literatura? Recibiríamos
unha mensaxe primixenia, que crearía unha nova infancia, unha nova sociedade.

Artista plástica e pianista. Con só cinco anos aloumiñaba as teclas do piano e desa intimidade nacía a música quehoxe forma parte da súa profesión e creación.

Graduada no Conservatorio Superior de Música da Coruña, estudou piano con Irina Moriatova, Marina Shamagian e María Keilina; composición con Antón García Abril e Wladímir Rossinskij; e canto con  Pablo Carballido e Diana Somkhieva. Actualmente é profesora de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Realiza concertos
como solista e como acompañante en danza clásica. Dirixe recitais de piano no MAC da Coruña.
A súa creación plástica é autodidacta, e o diálogo coa música emerxe de cada pincelada. O seu tema principal é a figura feminina, que flúe na quentura das cores. Debuxo e pintura, acuarela, acrílico e óleo, son as técnicas máis utilizadas.

“Desde una liviandad textural casi evanescente a obras donde la materia se desarrolla tridimensionalmente; como en una vocación escultórica que quizás precise en su momento del espacio para un cabal desarrollo. Y en todos ellos, la expresión de una sensibilidad a flor de piel. La feminidad -protagonista temática única y absoluta- como
una emanación natural de la propia pintora; de su visión del mundo” (Carrillo, 2016).
Carrillo, J. (2016, xuño 30). La versatilidad de un alma sensible (post de blog). Recuperado de http://lineasadicionales.blogspot.com.es/2016/06/

Memoria da Biblioteca 2017

Xa está dispoñible para a súa consulta a Memoria da Biblioteca do ano 2017.

Como cada ano, a Biblioteca vén de publicar a súa memoria do 2017, na que ofrecemos datos sobre a mesma (adquisicións, préstamos….) e publicitamos a
nosa colección e servizos.
Como novidade, nesta ocasión facemos fincapé naqueles procesos da Biblioteca que poden ser máis úteis para as persoas que utilizan os nosos servizos, como cuestións relacionadas cos pedidos de monografías e revistas (como e en que prazo facer a solicitude e cando recibirei o aviso de chegada) ou procedementos para continuar utilizando a Biblioteca unha vez rematados os estudos na UDC.
O máis visíbel no 2017 foi a inauguración da nova sala de traballo de grupo Elvira Bao e o feito de asinar nomes propios aos diferentes espazos da biblioteca. As salas de traballo en grupo están moi solicitadas e a creación deste novo espazo aumentou as posibilidades de reserva e uso.Asemade renovamos a sinalética, coa intención de mellorar o acceso ás coleccións.
Tamén é de salientar a publicación do Plan de Formación en Competencias Informacionais da Biblioteca.

Formacións abertas

Xa está aberto o praxzo para apuntarse ás formacións previstas para este cuatrimestre na Biblioteca. Consultade o programa e elixide o curso máis axeitado ás vosas necesidades. Temos tamén formacións á carta, cun menú moi interesante.

Exposición “Pensando cos pés” de Noemí Lorenzo Pérez

Pensando cos pés forma parte dunha mostra máis ampla que Noemí Lorenzo Pérez realizou co patrocinio do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA) para conmemorar o seu XX aniversario, e que foi exposta na Galería Sargadelos de Ourense e no MIHL de Lugo no 2017.

A proposta nace a partires do traballo fotográfico de pés nus, libres de todo accesorio.  En palabras da autora: “Quixen facer uns debuxos que nos achegasen directamente a eles, ós pés, sen outra interrupción visual, nun formato próximo ás imaxes xurdidas dun fotomatón. Deste xeito, ademáis de pór en valor as nosas extremidades inferiores, pretendía crear un momento de intimidade entre o público e a peza, tentando provocar unha reflexión no primeiro”.

Posteriormente ás tomas fotográficas realiza apuntes a lapis e vai tirando moldes dos pés a escala real nuns casos en resina de poliéster transparente, noutros en escaiola e resina de poliuretano. Utilizou pintura dourada para xogar coa idea de ouro como valor económico.

Realiza ademais unha serie de debuxos en tinta chinesa sobre papel de poliéster do pé en movemento.

Nesa primeira mostra presentaba unha peza dos seus pés, aberta á colaboración do público, coa intencion de que fora este quen a concluíra. “Eles xeran o ritmo da parte que vai na parede e se prolonga un anaco ó chan, onde debe ser rematada coas pisadas do calzado da xente que visite a sala. Os restos de po que cadaquén trae nos zapatos deixan un rastro de pegadas cun ritmo máis aleatorio, que contrasta coa formalidade da parte suspendida no muro. As luces e sombras xéranse pola mestura de diferentes pisadas con diferente carga matérica, creando cadencias con zonas luz e sombra.”

Nesta ocasión amosa unha selección daquelas pezas: o díptico Con bos pés, realizado en óleo con tinta fluorescente sobre lenzo; unha serie en grafito e lapis acurelable sobre papel de poliéster; e unha colección de pequenas esculturas en resina transparente sobre fondo dourado.

Os pés teñen unha longa tradición simbólica na arte con valores relixiosos, mitolóxicos ou incluso fetichistas, nus ou calzados, son a parte da anatomía que relaciona o mundo inferior (do inframundo) co terrestre. Aquiles tiña un punto débil, o seu talón dereito, polo que o agarrou a súa nai, Tetis, cando o mergullou no lago de Estigia para facelo inmortal; os pés de Hermes ou Mercurio teñen as xa que el é o mensaxeiro dos deuses; os pés de Cristo aparecen nús, e na cruz con cravos representativos da dor; no templo de Éfeso a cabeza de Ártemis aparece xunto á planta dun pé;  Sérapis e Isis tamén teñen a súa iconografía unida aos pés, como outros deuses e deusa exipcios; tamén este extremidade é utilizada en moitos exvotos; temos pegadas na arte rupestre, tanto na Península como en Ibero-América (Cuevas de Oxkutzcab en México, escritura maia, etc.) (Rodríguez Oliva, 1987). Na Biblia os pés teñen gran importancia, Xesús lava os pés aos seus discípulos como vemos tamén en numerosas pinturas renacentistas e barrocas. E xa na arte contemporánea temos os pés das bailarinas de Degás ou os debuxos de Egon Schiele, entre outras obras (Villaverde Solar, 2008).

Noemí Pérez Lorenzo é doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo e titulada no VII Mestrado sobre Obra Gráfica do Centro Internacional para a Estampa Contemporánea (CIEC, Betanzos, A Coruña).Ten realizado numeroas exposicións individuais e colectivas.

Rodríguez Oliva, P. (1987). Representación de pies en el arte antiguo de los territorios malacitanos. Baética: Estudios De Arte, Geografía E Historia, (10), 189-210.

Villaverde Solar, M. D. (2008). La representación de los pies en el arte moderno y contemporáneo: Su valor iconográfico, simbólico y compositivo. Revista Internacional De Ciencias Podológicas, 2(1), 27-38.

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

Subir ↑